A herba dos carpinteiros ou herba dos tacos ( Achillea millefolium ) tamén recibe os nomes de milfollas e aquilea . Segundo a tradición popular axuda a cicatrizar as feridas, por iso se di que é a herba dos carpinteiros, e por iso mesmo tamén recibe os nomes de herba das cortadelas, herba dos golpes ( DdD ). É unha planta propia de Asia e do sur de Europa que medra en terreos de poulo, nas beiras dos camiños e regueiros; dáse, sobre todo, en lugares húmidos. O uso desta planta na mediciona tradicional remóntase á antigüidade. Os gregos xa eran sabedores das súas propiedades antiinflamatorias, cicatrizantes e vulnerarias. Utilízanse as súas follas, talos e flores en emplastos ou consómese en infusión como tónico dixestivo e para as regras dolorosas, demasiado abundantes ou irregulares. Utilízase nas herbas de San Xoán, que despois de secas serven para afumarse.
Este blog naceu porque quería recoller as palabras da miña avoa, Carme d'Isolina, unha muller sabia. Co paso do tempo foi medrando coas palabras da miña familia paterna (Torroso, Mos) e da miña familia materna (Arcade, Soutomaior) e funo enriquecendo con palabras doutras procedencias que me parecían curiosas.